19/12/16

"A PALABRA XUSTA"


A historia dunha gran mestra chega ás pantallas galegas! Unha homenaxe a un oficio inxustamente desvalorizado! 

Despois de moitos meses de traballo chega ás pantallas A PALABRA XUSTA. A historia dunha mestra comprometida que fundou en Vigo o Colexio Rosalía de Castro: un faro para a nova pedagoxía.

A música de Nani García, as voces de Javier Gutiérrez e Rebeca Montero, as paisaxes de Muras, as cartas de amor que lle escribiu o seu home Antón Beiras e unha casa parada no tempo... Todos dialogan cunha pedagoga de 92 anos que fai un balance honesto e sen prexuizos do tempo que lle tocou vivir.

A PALABRA XUSTA. Unha produción independente.
  




A pedagoga Antía Cal foi unha auténtica pioneira no campo da docencia. Fundadora do mítico colexio Rosalía de Castro de Vigo, muller do médico Antón Beiras e a piques de facer 90 anos, Antía repasa os momentos e as persoas que marcaron unha vida de loita.




600 cartas de amor escritas entre o eminente oculista Antón Beiras e a súa muller Antía Cal  ven a luz despois de máis de 50 anos agochadas nun baúl. A voz de Antón leva a Tita a emprender unha viaxe no tempo que a leva ata a casa familiar de Muras (Lugo) e alí comeza un diálogo entre ela e unha casa parada no tempo, a fera paisaxe invernal da Serra do Xistral, o manso pasar do río Eume e a voz do seu defunto compañeiro que lle fala dende aquelas cartas. Desa conversa nace A Palabra Xusta. Unha película para coñecer mellor á muller que viviu entregada á causa da mellor educación.


Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...