10/10/16

LIGAZÓNS DE INTERESE


Nesta páxina podedes atopar unha serie de libros que vos  poden resultar interesantes:

http://redelectura.blogspot.com.es/

Velaí vai un pequeno exemplo:



Kalandraka vén de publicar en galego (tradución de Xesús Fraga) a novela Un monstro vén a verme de Patrick Ness, que desenvolve unha unha idea orixinal da escritora de literatura xuvenil Siobhan Dowd, xa falecida. En palabras do autor: "este ía ser o seu quinto libro. Tiña os personaxes, o argumento e un comezo. O que non tiña, mágoa, era tempo".

O personaxe principal, Conor, tiña o mesmo pesadelo todas as noites desde que a súa nai enfermara. pero unha noite atopou un monstro na súa ventá que lle vén solicitar o segredo máis oculto  e faino asumir a súa propia realidade.
Pola súa temática, a novela incorpórase ao listado de libros que tratan de superar  a enfermidade, a dor e a morte con valor e abrindo a porta á esperanza.
Aproveitemos a súa lectura en clubs, por exemplo, á par do visionado da versión cinematográfica, recén estreada estes días.


Acaba de saír publicado en Xerais o  Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, quen se encarga tamén das ilustracións. O poeta vén de recibir o Premio ao mellor proxecto literario na rede na I Gala do Libro Galego en 2016, por Poétic@.gal.
Este  libro combina poesía e imaxes nun xogo lúdico  que convida aos nenos e nenas a gozar e á vez achegarse a este xénero literario porque "a poesía non morde". Tamén ten unha presenza importante a oralidade,  a través de cancións infantís, arrolos e sortes.
Como xa sucedía en O meu gato é un poeta, a lectura pode continuar na rede xa que inclúe a ligazón a un videoxogo
Neste enlace  tedes unha pequena mostra do libro.
Indicado para primeiros lectores, ben pode formar parte dunha selección de lecturas para o verán. 
Necesaria a poesía para nenos e nenas e tamén necesaria a poesía visual. Fran Alonso é un innovador no campo da literatura transmedia e multisoporte no panorama literario actual.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...